Charla: Sexualidade e Muller nas Diferentes Idades - Ribadeo
Son de aldea, eumesa fachendosa do Lugar de Lourido no Concello de Pontedeume, con 18 anos vin para Compostela a estudar e namoreime desta cidade, aquí montei meu Centro de Sexoloxía e o meu proxecto de vida, ata agora o meu corazón estaba partido en dous, pero non sei que pasa en Ribadeo que me dan tanto cariño que xa ando con el partido en tres anacos.
Fai uns meses impartín alí o meu primeiro obradoiro e a primeira charla dentro da I Feira Feminista de Outono organizada polo Observatorio da Mariña pola Igualdade, na charla non cabía máis xente e había persoas que decidiron ficar de pé. Sentinme tan acollida e arroupada, que volvín para casa con esa sensación que da sentido a este traballo.
Cando me contactaron da Concellería de Igualdade para volver a Ribadeo non o dubidei nin un intre, e cambiei de data outra actividade que coincidía no mesmo día, e pese a ser un día triste pola sentenza inxusta da "Manada" e coincidir a charla coas concentracións noutros pobos, Ribadeo volveu a superar as miñas expectativas.
Facer unha charla sobre a sexualidade das mulleres e ver tantos homes entre o público xa é unha mostra de que Ribadeo é un sitio diferente.
A charla comezaba as 20:00 e estaba previsto rematar sobre as 21:30, as 21:00 paramos e saímos para manifestar a nosa repulsa contra o "fallo" (nunca mellor dito) dos tribunais. E o rematar retomamos onde o deixáramos, e por sorpresa volveu todo o mundo, e máis sorpresa, lonxe de ter presa por marchar para a casa ou ir a cear, ninguén se quería ir.
Sinto admiración polas mulleres da Mariña que traballan día a día pola igualdade, o bo trato e os dereitos sexuais, dende a Concellería de Iguadade, dende o Observatorio da Mariña e dende a escola con profesoras que (xa me gustaría que tivesen sido as miñas de cativa) como Teresa González Piñeiroa co Comité Lila.
Grazas Ribadeo pola ledicia que me levo, vémonos de novo o 31 de maio!